Para cantar e contar


Desde o primeiro momento das nosas vidas, mesmo antes que as imaxes, percibimos o son das palabras. No colo, no berce... Para durmir, para xogar, para consolarnos, para aprender cousas do mundo...

O primeiro “pasa-tempos” dun bebé é o descubrimento dos sons que se producen ao seu redor, nomeadamente a mai, o pai e os brinquedos. Aprende primeiro as sílabas e logo as palabras que repite sen tregua, pois esta repetición é -ao mesmo tempo- xogo, música e algo máis que ten a ver con novos achádegos. Constrúe a linguaxe através do ritmo, fixando estruturas rítmicas na memoria.

Hai muita literatura sobre o beneficioso que é traballar a musicalidade desde idades mui temperás, en relación coa comprensión da linguaxe, a solución de problemas e o desenvolvimento de destrezas e actitudes. Ademáis de facilitarlle ao bebé a aprendizaxe e o exercizo da súa propia memoria, favorecemos a súa capacidade organizativa e de traballo en equipo, da que vai tirar muita rendabilidade e os papás imos agradecer día a día. Consultade os múltiples estudos  que falan do tema, eu o único que podo aportar é a minha experiencia persoal,. Neste senso tenho que dicer que os avances percibidos na Lara no que atinxe á linguaxe e á capacidade de colocar as súas cousas, son fantásticos. Sen poder/saber relacionar as causas e os efeitos -lóxicamente- si é de sublinhar que nela conflúen estas circunstancias.

Através das cantigas de berce, e malia non entendan o significado da linguaxe, os bebés perciben o afecto e a sonoridade que contenhen. Debeu ser no pasado verán (a Lara tería uns 17 meses) cuando descubrín que tinha memorizadas todas as cantigas que eu lle cantara desde que nacera. Foi umha tarde ao rematar o banho, cuando comecei a cantar como facía con certa asiduidade. Suponho que ao estar centrado no ritual de secado e peiteado fixo que deixara de cantar deseguida dun xeito totalmente inconsciente. Agora lembro perfeitamente a canción e o verso no que me detiven. Era o terceiro verso de "Nouturnio", coa música de L. E. Batallán. Eu dixen: "retornan pr'os eidos coa noite..." e aí parei, e non vexades a sorpresa que me deu a Lara cuando sen siquer mirarme, co chupete na boca e deixando que a seguira secando, engadiu: "as ovellas". Apartir de aí, puiden ir descubrindo como conhecía todas as letras das cancións que eu lle cantara, así como o pracer que lle provocaba xogar comigo a completalas... cantarmos xuntos.

Umha vez comprenden os signos da linguaxe, chegan os “xogos” para conhecer e reconhecer o esquema corporal, o entorno, os oficios... Através destes xogos, a pequena vai perderlle o medo á palabra aprendendo a comunicarse sen complexos con outras persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario