venres, 29 de agosto de 2014

Pantallas


Fai cuase 1 ano (con menos de 2 anos de idade, cicais demasiado cedo) que comezamos a deixarlle ver a televisión con certa regularidade. Fixémolo progresivamente, comezando por 15 ou 20 minutos ao día en días alternos até a hora diaria que absorbe na actualidade. Resistímonos un pouco a que vexa a programación das distintas canles, escolléndolle videos musicais e programas infantís que ve “á carta”.
Ao principio, eran só videos musicais, que actualizabamos conforme pasaban os meses, deixando aqueles que máis gostaba e introducindo outros novos con linguaxes máis complexas. Aguantan desde o principio O Pirimpimpín, dos Meninos cantores e O Parampampero, de MamáCabra, cos que baila, canta e ri que é umha ledicia vela. No que atinxe a programas, o Baby Einstein, As músicas da Carochinha, ChuChu TV ou os Little Einstein, que é o que máis ve hoxendía.