luns, 1 de setembro de 2014

Rabecha


Nesta pasada semana sufrimos un percance pouco habitual. A Lara colleu umha rabecha como non tinha collido antes.
Estabamos vendo un episodio da serie de Disney Little Einstein antes de cear e ao rematar negouse a apagar a televisión para ir á cocinha. Isto, que xa o tinha feito nalgumha outra ocasión, converteuse en umha rabecha que non se producira até o momento. Comezou a chorar moi forte sen quererse mover do sofá e rexeitando mesmo o meu colo para irmos cear. Rematou atirándose no chan sen deixar de chorar e entón rifeille moi enérxicamente. Esta situación provocou uns minutos ben desagradables nos que te prantexas muitas cousas sobre se estás actuando ben ou mal. No seu caso, acho que foi un ensaio para descubrir até que punto podía controlar ou non os tempos e as situacións no fogar, que rematou nun sentimento de certa raiba e vergonha. Custou aínda un bon anaco que se tranquilizara e escoitara sen chorar e mirándome aos ollos (que é o xeito ao que a acostumei a escoitar cuando lle tinha algo serio que dicer). Rematou pedíndonos perdón ao pai e á nai e reconhecendo que se portara mal. Despois amosouse moi agarimosa e mesmo me pareceu un tanto arrepentida e avergonhada, tendo que permanecer ao seu carón até que ficou durmida.
Á manhá seguinte espertou con moita necesidade de afecto, que non lle negamos en ningún momento, estando xuntos máis tempo do habitual e precisando un chisco máis da nosa proximidade.

Reflexións:

venres, 29 de agosto de 2014

Pantallas


Fai cuase 1 ano (con menos de 2 anos de idade, cicais demasiado cedo) que comezamos a deixarlle ver a televisión con certa regularidade. Fixémolo progresivamente, comezando por 15 ou 20 minutos ao día en días alternos até a hora diaria que absorbe na actualidade. Resistímonos un pouco a que vexa a programación das distintas canles, seleccionando nun disco duro videos musicais e programas infantís que ve “á carta”.
Ao principio, eran só videos musicais, que actualizabamos conforme pasaban os meses, deixando aqueles que máis gostaba e introducindo outros novos con linguaxes máis complexas. Aguantan desde o principio O Pirimpimpín, dos Meninos cantores e O Parampampero, de MamáCabra, cos que baila, canta e ri que é umha ledicia vela. No que atinxe a programas, o Baby Einstein, As músicas da Carochinha, ChuChu TV ou os Little Einstein, que é o que máis ve hoxendía.

domingo, 6 de abril de 2014

Benvido, Miguel


Adoitaba dicer que sería avó antes que pai naquelas conversas [ás veces incómodas] nas que semella por momentos que o interese do interlocutor radica máis en impacientarte que en preocuparse por ti.
Pois ben, en certo modo non estivo a cousa moi desencaminhada. Mentres a minha filla acababa de facer 2 anos, a minha sobrinha era nai dun fermoso bebé chamado Miguel, dándolle á Lara o seu primeiro "sobrinho segundo" e ao que subscribe o seu primeiro "sobrinho-neto".
Lerias á parte, agardo que o Miguel saiba captar cada día a beleza deste mundo e acade ver a parte máis humana e fermosa dumha sociedade que loita desesperadamente por deshumanizarse.

luns, 10 de marzo de 2014

Abrimos a bitácora

Despois de voltas e máis voltas, hoxe decido criar este espazo no que ir contando -de cando en vez- as novas experiencias que comparto coa minha filla. A Lara ven de facer 2 anos e -para alén de seren tempos moi difíciles- foron os anos nos que máis levo aprendido sobre a vida.
Tentarei volcar aquí as vivencias, opinións e resultados que imos experimentando na nosa relación.